E eu…por que non saio nos libros?

Os ambientes de violencia e discriminación nas escolas son unha realidade común para os menores trans da nosa comunidade: os desprezos e insultos tránsfobos levan sendo unha lacra para a educación durante moitos anos e continuarán a selo mentres a diversidade sexual non se visibilice na nosa sociedade. O día a día  está a demostrarnos que aínda nos quedan varios chanzos por subir para acadar a liberdade de identidade de xénero, pero o primeiro deles está na educación, tanto dos cativos e cativas como do persoal docente.

Denominamos transexualidade ao sentimento de pertenza a un xénero distinto ao asignado no momento do nacemento. Isto supón nalgúns casos unha dobre fonte de conflito: por un lado está a fronte interna, composta polas consecuencias que ten en si o feito de sentir que o corpo que posúes non se identifica co xénero do que te sentes partícipe e, do outro lado, está o denominado conflito externo: segundo un estudo da revista médica The Lancet, hai 25 millóns de persoas no mundo que non se identifican co seu sexo biolóxico. O 60% delas sofre depresión, xunto outras alteracións emocionais como a ansiedade ou o estrés, todas elas  provocadas pola discriminación e o rexeitamento social.

Son múltiples as noticias actuais que alertan do crecente número de casos da problemática social que constitúe o bullying, o que demostra que o principal eixo de exclusión se sitúa dentro das aulas. Os acosadores e acosadoras enfróntanse aos compañeiros/as por diversas características que non se axustan ao patrón definido como “normalidade”, características presentes, segundo os agresores/as, nos menores trans. Máis concretamente, este tipo de vítimas sofren acoso por non pertencer ao patrón heteronormativo socialmente aceptado.

Contra isto e pola necesidade de sumar apoios, creouse a Asociación ARELAS, cuxa directora é Cristina Palacios, nai da primeira menor trans recoñecida en Galicia. Ela foi a que, tras unha continuada loita, conseguiu aprobar o Protocolo Educativo para Garantir a Igualdade, a Non Discriminación e a Liberdade de Identidade de Xénero. A súa intención era asegurar que a identidade de xénero de cada menor transexual fose respectada no ámbito educativo. Porén, Palacios afirma que a realidade trans continúa ausente nos libros de textos e que é a gran desaparecida dentro dos plans educativos da Xunta de Galicia. Deste modo, o alumnado non conta con ningún tipo de referente sobre a transexualidade, a pesar de que o Protocolo recolle que a condición dunha persoa transexual se pode manifestar a partir dos 2 anos e medio.

Cristina Palacios
Cristina Palacios, Directora e fundadora da Asociación ARELAS.

Esta ausencia de información nos primeiros anos de ensino tenta suplirse agora na Universidade, onde o alumnado comeza a tomar conciencia sobre este tema. Este ve en asociacións como a anteriormente mencionada ARELAS unha vía para erradicar tanta desinformación:  buscan a alguén que lles poida explicar como tratar aos seus compañeiros e compañeiras transexuais e como o deberán facer tamén no seu futuro profesional. Esta inquedanza increméntase nos centros de formación de profesorado, xa que en moi pouco tempo estarán ocupando unhas aulas nas que non queren que se repita o erro que se cometeu con eles.  O descoñecemento segue estando aí. Non obstante, é a vontade de alumnos e alumnas como os que demandan esta formación o que está a provocar que paulatinamente esteamos máis preto dunha total visibilización da transexualidade nos centros educativos.

Por outra banda, a pesar de non chegar a introducir unha materia de educación sexual nas escolas, o Protocolo está a lograr melloras no trato burocrático e na relación alumnado-docentes (profesores/as e orientadores/as) nos centros. Posto que o acoso escolar convirte algunhas das transicións en conflitivas, unha persoa psicóloga ou o departamento  de orientación do centro educativo convértense nun apoio necesario nelas para, lonxe de patoloxizar a súa condición, aportar á persoa ferramentas útiles coas que lidiar con calquera problema que se lle presente.

Dito Protocolo determina que desde o mesmo instante en que se comunica a situación ao centro educativo, a xefatura de orientación deberá analizar o caso e activar os recursos que puideran ser necesarios en materia de orientación e apoio dentro da atención á diversidade e a inclusión. Así mesmo, nos casos pertinentes e autorizados pola familia, levará a cabo un proceso de avaliación psicopedagóxica para detectar posibles necesidades educativas. Ademais, dita os pasos a seguir para solucionar o caso de acoso en particular: “cando se constate que o atentado contra a dignidade do/da menor foi por causas relacionadas coa súa identidade de xénero, aplicaranse as medidas correctoras correspondentes e, en particular, a expulsión do centro, temporal ou definitiva, da persoa infractora, como medidas correctoras asociadas ás condutas que vulneran a dignidade persoal doutros membros da comunidade educativa que teñen como orixe ou consecuencia unha discriminación ou acoso baseado no sexo, orientación sexual ou identidade sexual”.

Pola súa parte, o profesorado viuse obrigado  a respectar a identidade do menor aínda que non conten con coñecemento e formación sobre o tema, é dicir, non se poden escudar na falta de instrución. Se un profesor é informado de que ten un alumno trans e que ten que chamalo por un nome doutro xénero, debe facelo. Cristina Palacios constata que era unha práctica  habitual antes da entrada en vigor do protocolo: “eran moitos os que dicían que seguían chamando aos alumnos ou alumnas polo nome en feminino ou masculino porque non o sabían”. Unha práctica que detrás dese “non sei” ocultaba unha carga importante de prexuízos e transfobia e que agora se está vendo reducida.

Con todo, non só detrás deses “non sei” existen actitudes negativas cara a transexualidade. Son moitas as persoas que nin se decatan de que están utilizando expresións incorrectas. Unha das más importantes a correxir é que a idea tan xeneralizada de que unha persoa transexual é unha persoa que está “atrapada” nun corpo equivocado. Simplificar a transexualidade desa maneira é completamente erróneo. Atopamos menores transexuais que entenden perfectamente que se pode ser unha muller con pene e un home con vulva e que non están atrapados e atrapadas. Outro pensamento moi estendido en relación a isto é dar por feito que todas as persoas transexuais van modificar os seus corpos ou que van realizar operacións, feito que non é para nada certo: moitas delas están conformes e mesmo orgullosas dos corpos que posúen. Así, a realidade que coñecen persoas como as pertencentes á asociación ARELAS é totalmente diferente a estas falsas pero habituais crenzas.

Ademais, estes prexuízos existentes tanto nas escolas como na propia sociedade en si dificultan a comunicación entre as persoas transexuais e o seu contorno máis cercano á hora de explicar o que están a vivir e como se senten. Este foi o caso de Dante Casás, un mozo que acaba de comezar a súa etapa como estudante de Historia na Universidade de Santiago de Compostela. El explícanos que ata que non empezou a buscar información por si mesmo, non foi capaz de entender a razón pola que, durante tantos anos, se sentiu desconforme no seu propio corpo. Coñeceuse a si mesmo á vez que comezou a saber máis sobre a propia transexualidade. El mesmo recoñece que “se aqueles que conformamos o colectivo, moitas veces non estamos o suficientemente informados sobre o que é a transexualidade, é comprensible que o nivel de coñecemento das persoas cis sobre a nosa situación sexa aínda menor”. 

Á hora de falar de descoñecemento, é difícil non pensar nas familias das persoas que pertencen a este colectivo, xa que a súa comprensión e aceptación pode afectar directamente sobre o grao de liberdade que a persoa transexual terá no desenvolvemento da súa vida cotiá. “Depende moito da túa situación familiar”, explica Dante, “non todas as familias están preparadas para asimilalo, ao igual que non todas as persoas son capaces de contalo. Moitos senten, incluso, que suporán unha carga para os seus achegados, por iso aínda existe a necesidade de saír do armario, porque non vivimos nunha sociedade que teña aceptada a transexualidade”.

Dante Casás
Dante Casás

En relación coa posibilidade de crear unha materia de educación sexual para as escolas, tanto as organizacións como as propias persoas do colectivo alertan de que esta debería ser planificada máis amplamente e estar presente dende idades máis temperás, xa que, moitas veces, as charlas sobre educación sexual chegan nos anos de instituto, cando moitos rapaces e rapazas xa están a vivir nas súas propias carnes o que é non se sentirse a gusto co xénero que se lles atribuíu. Por isto, pénsase que a educación sexual debe ter unha maior presenza durante a infancia das nenas e dos nenos, ademais de que, desta forma, se evitaría a creación dunha conciencia tránsfoba e homófoba nas futuras xeracións.

Dende o colectivo manteñen as esperanzas de poder recibir un trato normalizado, sen diferenciación por motivos de identidade de xénero, e solucionar así os problemas aos que ata o de agora se teñen que enfrontar. Aínda así, entenden que, a pesar dos cambios que xa se levaron a cabo e que axudaron a poñer nunha mellor posición ao colectivo trans, as melloras foron e seguirán a ser moi lentas. Tanto a xa mencionada falta de información da poboación como os prexuízos creados ata non hai demasiados anos na nosa sociedade fan que este proceso de integración sexa tan paulatino e que, dende o propio colectivo, se amosen escépticos ante un cambio de rumbo máis notorio.